Thursday 02 de May de 2024

O pago das taxas de auga, lixo e sumidoiros amplíase ata o 15 de maio e o imposto de vehículos ata o 15 de xuño por mor do COVID-19


 

De resultas do aprazamento do pago en período voluntario de tributos municipais acordado durante a semana pasada na Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19, no día de hoxe se concretaron as modificacións realizadas a este tenor no calendario contribuínte.

Así, cómpre destacar que o pago das taxas municipais polos servizos de subministración de auga potable, recollida de lixo e redes de sumidoiros correspondentes ao cuarto trimestre do 2019, que inicialmente estaba fixado para entre 15 de febreiro e o 15 de abril de 2020, pasa a ser entre o 15 de febreiro e o 15 de maio.

Por outra parte, o pagamento do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, en principio previsto para entre o 15 de marzo e o 15 de xuño, pasará a ser entre o 15 de marzo e o 15 de xuño.

Media hasta
Outro dos asuntos acordados durante a Comisión de hoxe foi a colocación a media hasta das bandeiras da Casa Consistorial como homenaxe e respecto a todas as persoas vítimas da crise sanitaria provocada polo COVID-19.

Na loita contra este mal, o Concello prosegue co reparto de material preventivo, desta vez entre a Policía Nacional, Urbaser, Correos e a Lonxa.

No capítulo de agradecementos, amosouse a gratitude do Concello á campaña impulsada entre a hostalería e o comercio para dotar de recursos alimentarios a Cáritas Parroquial. A este respecto, a administración local colaborará dando instrucións a Protección Civil para que sexa o seu voluntariado o que acuda á recollida de alimentos polos establecementos coa fin de evitar así a vulneración das normas de confinamento e afianzar as medidas de seguridade establecidas polo Estado. Tamén se agradeceu o labor altruísta de Grúas Kiko pola doazón de 600 pares de guantes e do Liceo Marítimo de Ribeira pola posta a disposición das súas instalacións.

Uso do galego
Por outra parte, en sintonía cunha suxestión do BNG, aprobouse unha disposición para que nas homenaxes pola Policía Local ás persoas que están de aniversario (menores de idade e maiores de 75 anos, previa chamada ao 981 870 933) se pregunte aos solicitantes pola súa preferencia en canto ao idioma (galego ou castelán) e, de resultarlles indiferente, se priorice o uso do galego con “Parabéns para ti”.

A Policía Local tamén informou de tres denuncias nas últimas 24 horas por infrinxir a obriga de confinamento.